Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

O metal de Pontevedra toma as rúas de Vigo en defensa dun convenio digno

    O sector do metal da provincia de Pontevedra tomou este xoves as rúas de Vigo na primeira das tres xornadas de folga convocadas (as próximas serán os días 20 e 22). A convocatoria parte das federacións de industria de CCOO, CIG e UGT.

    15/06/2023.
    Folga e manifestación do sector do metal polas rúas de Vigo (15/6/2023)

    Folga e manifestación do sector do metal polas rúas de Vigo (15/6/2023)

    Os sindicatos cualifican de «insultantes» e «irrisorias» as propostas da patronal e non ven un acordo antes do verán. A proposta patronal de incremento salarial dun 0,5 %, 2,5 % e 2,5 % para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión, é inaceptable. «Apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo», afirman as tres organizacións.

    Este convenio abrangue unhas 3700 empresas e máis de 33.000 traballadores e traballadoras. O secretario comarcal de CCOO-Industria en Vigo, Celso Carnero, sinala que elementos como custo da vida ou o encarecemento das hipotecas non lles permiten a numerosas familias chegar a fin de mes; «non podemos ser traballadores pobres, debemos ter máis solvencia», apunta.

    Os sindicatos están dispostos a chegar «onde faga falta» para que se cumpran as súas reivindicacións. De feito, as vindeiras dúas xornadas de folga coincidirán cunha importante feira do sector, a MindTech.